Summary: | Na presente contribución lévase a cabo unha primeira aproximación á estruturación xerarquizada que presentan os contidos textuais (cantigas) nalgúns dos relatores que nos legaron a lírica profana galego-portuguesa, isto é, cómo se delimita cada cantiga e as partes que a compoñen. Esta descrición da diuisio textus permitiranos en moitas ocasións poder discernir entre un plano xeral de obra (cancioneiro, folla ou mesmo antígrafo) e un plano particular en que afloran as particularidades de copia de cada un dos amanuenses que interviñeron no proceso de copia; estes deron conta, probablemente, dunhas directrices preconcibidas que, ó seren abandonadas en certos momentos puntuais, puideron ocasionar evidentes erros. Ser conscientes da ordinatio dos contedores que conservaron a tradición lírica, poder chegar a percibi-los desvíos debidos ós axentes encargados de poñer por escrito estes textos e ser quen de remontarnos ó antecedente e á súa posible estruturación constitúe o único camino cara á formulación de hipóteses de traballo a nivel textual dun alto grao de fiabilidade.
|