Summary: | Case todas as anotacións de A. Colocci no Cancioneiro da Biblioteca Nacional 10991 (B) teñen sido estudadas e valoradas polos investigadores da lírica galego-portuguesa, con frecuencia procurando respostas a diferentes problemas. No f. 35v, encóntrase o debuxo dunha manciña que sinala cara á singular razo que introduce a primeira tenzón no cancioneiro B, Vi eu donas encelado (B142), dos irmáns Pero Velho de Taveirós e Paai Soarez de Taveirós. A partir da situación desta marca colocciana, deseñada entre a rúbrica atributiva Pero Velho de Taveroos (na col. a) e a razo (na col. b), J.-M. d’Heur entendeu que o sinal estaba destinado a corrixir a disposición da rúbrica atributiva, pasando a asignar B140 (Par Deus, dona Maria, mia senhor ben talhada) e B141 (Quand’ora for a mia senhor veer) ao trobador que ten a súa obra nos folios anteriores do cancioneiro B, isto é, Nun’Eanes Cerzeo. A dúbida na autoría destas dúas cantigas callou en estudos posteriores, pero en ningún caso conduciu a unha análise dos contextos de aparición e da función da manciña colocciana no interior do cancioneiro. Con intención de reavaliar a cuestión, o noso traballo derivará no exame desta singular marca.
|