Summary: | O traballo que se presenta forma parte do proxecto de investigación denominado “A conciliación nos tempos cotiáns da infancia en Galicia: problemáticas específicas e alternativas pedagóxico-sociais e prácticas de lecer nas escolas, familias e comunidades (CONCILIA_D@S)”, financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na convocatoria de Emerxentes (2014-PG004). A finalidade principal do proxecto é coñecer e analizar como se organizan os tempos cotiáns da infancia en Galicia atendendo a diferentes tipoloxías familiares, coas diferentes circunstancias que nelas concorren: estrutura do hábitat (rural e urbano), tempos escolares (calendarios e horarios lectivos) e actividades de lecer. No marco dunha metodoloxía integradora que fai uso de diversas estratexias e procesos de indagación (cuantitativos e cualitativos) tanto na recollida de datos como na interpretación da información, proponse o estudo de casos e identificación de boas prácticas na conciliación dos tempos, así como en iniciativas de Educación do Lecer nos ámbitos rurais e urbanos. En concreto, este traballo céntrase na identificación de boas prácticas -entendidas como experiencias exemplares que orientan a acción socioeducativa e son susceptibles de ser transferidas e implementadas noutros contextos con obxectivos semellantes- vinculadas á conciliación dos tempos familiares, laborais e escolares e que posibilitan novas opcións para un desenvolvemento máis integral da infancia, especialmente nos planos formativo e lúdico-recreativo. A análise toma como referencia o protagonismo que teñen -tanto no rural como no urbano- as Administracións Locais de Galicia e a súa potencial incidencia na oferta e desenvolvemento de servizos e programas que garantan a conciliación dos tempos e o benestar da infancia, especialmente nos tempos extraescolares e nos períodos de vacacións. Entre os criterios empregados para a selección das boas prácticas destacan: a permanencia, a innovación e a transferibilidade. Por último, se sinalan os aspectos converxentes das iniciativas presentadas, o seu influxo no benestar infantil e algunhas recomendacións de carácter pedagóxico-social derivadas do estudo das actuacións que os municipios están a poñer en marcha para favorecer a conciliación nos seus territorios.
|